jueves, 15 de febrero de 2007

¡Viva o Entroido de Xinzo!


Mañá empeza o Entroido propiamente dito en Xinzo de Limia. E eu, como limiá (ou limega) que son, teño que ir a gozar del. Encántame pasear pola rúa eses días vestida cun traxe de Entroido, sobre todo cando o traxe abriga e non teño que pasar frío.

O Entroido na Limia é especial, como tamén o son as súas pantallas, o traxe típico do lugar. É un chisco complicado describilo, o mellor é velo en directo. Pois dito isto, queda máis que xustificada a miña probable ausencia de escrita ata que o Entroido remate.

A foto que adxunto é do ano pasado.

martes, 13 de febrero de 2007

Cuarto Milenio

Gústame ver Cuarto Milenio. Quizais polo meu afán de coñecer o descoñecido e pola curiosidade que sempre me invade. O que nunca podería imaxinar é que unha das miñas fotos pasaría a ser unha das tantas que chegan ó programa e das poucas que non teñen unha solución clara. Eu sei que o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil é moi máxico, pero nunca pensara que nunha das moitas tantas instantáneas que eu lle fixen ó claustro, tan silencioso e escuro, poidera aparecer un ser, cando menos estraño. Son cousas que pasan, quizais por casualidade, e estou segura de que hai máis xente no meu mesmo caso moi preto de min. E como é moi coñecido na miña querida Galicia, aínda que non se crea nas meigas... habelas hainas... ¿ou non?

domingo, 4 de febrero de 2007

Domingo Oleiro


Hoxe foi o Domingo Oleiro en Xinzo de Limia. É unha festa que me encanta pero da que non sempre podo gozar. Ten lugar dous domingos antes do domingo de Entroido e a festa consiste en lanzar olas polo aire e evitar que se estrelen no chan. Visto así non parece nada moi divertido pero aseguro que si o é, sobre todo pola festa que se forma en torno a ese corro de "lanzadores" na Praza Maior. Pero eu lémbrome dun xeito especial dun ano. Eu estaba coas miñas amigas vendo a festa cando no medio do corro aparece unha señora desas que se ven a distancia pola maquillaxe, máis que nada polos beizos tan vermellos que levaba. A nosa sorpresa é que era a avoa dun veciño e viña disposta a roubar olas da festa para carrexalas para a súa casa. ¡E non tiña medo ningún de que lle caíra unha enriba! Ó final consiguiu tres, se non me falla a memoria, e marchaba toda feliz con elas. Lástima que fora a festa só para iso...

sábado, 3 de febrero de 2007

Noa Bailando piso 30 metros

Despois da polémica dos pisos de 30 metros cadrados veu a canción. Escoitándoa en Internet non puiden resistirme a publicar este video. ¡Vaia gracia ten a pequena! Menos mal que aínda lle é indiferente todo... Oxalá que para cando esta dozura medre as cousas estean mellor...