jueves, 14 de febrero de 2008

14 febreiro. Día do amor.


A ti, pequeno.


Aínda que saibas que non son moi partidaria destas festividades, que sempre digo que o amor se demostra día a día, hoxe apetéceme dedicarlle este espazo. Será que estou melancólica.


Grazas por estes 6 anos e medio que compartiche ata o de agora comigo, por todas esas ilusións que temos e por apoiarme cando o necesito. Doulle grazas a vida ou o destino porque te puxo no meu camiño, aínda que fóra a través dunha caída de bicicleta, e tamén me aleda moito sentir o que sinto por ti, amarte, en definitiva.


Grazas por darme unha pequena parte da túa vida, a túa adolescencia. Estou fachendosa de que sendo tan novo cando empezamos a sair souberamos apoiarnos tan ben e facer que un dependese do outro o necesario. Por iso cando alguén me pregunta se non perdín moito por empezar con 17 anos contigo e ti con 15 comigo eu contesto alto e claro que non. Só gañei, e gañei moitas cousas, porque o que ti e eu vivimos, a inocencia coa que comezamos, os pasos que demos paseniño, as ilusións que fomos forxando eu non as podería vivir hoxe con 23 anos ó lado de ninguén.


Grazas por compartir aquel meu último ano no instituto, por aqueles "recreos" abrazados no radiador, pola túa camisa negra a cadros que tanto me gustaba. Grazas por tirar a camiseta de "Libertad para María" só por satisfacerme. Grazas por aquel primeiro bico roubado cunha herba, por aquela carta, por apoiarme cando dedicín estudar na Universidade e irme a Irlanda. Grazas tamén por saber elixir un camiño para o noso futuro aínda que iso supuxese non contar co meu apoio incondicional nun principio, grazas polas promesas cumpridas, por facer todas as semanas 450 kilómetros para vir verme e outros tantos para regresar. Grazas por complacerme, por comprarme aquela guitarra, pola viaxe a Barcelona e por cantarme ó oído cando estaba triste e deitarte ó meu lado na cama acariciandome o pelo cando estaba enferma. E podería seguir... pero en definitiva, grazas por elixirme a min para compartir todo o que estamos a vivir contigo.


Agora xa queda menos para estar xuntos todos os días.


Quérote.