viernes, 27 de abril de 2007

Paso a nivel. Stop ante o tren.



Adoro e odio os pasos a nivel a partes iguais. Explícome.


Sempre me fascinaron os trens, son unha das miñas debilidades, ó igual que os avións, e sempre me fascinaron os pasos a nivel. Exactamente non sei o porqué, pero encántame pasar o tempo sentada preto dun e vendo pasar os trens e despois os coches e a xente. Recoñezo que os que teñen barreiras gústanme aínda máis, son tamén menos perigosos.


A parte negativa é cando algo falla, cando falla a tecnoloxía ou as capacidades perceptivas do ser humano e sucede unha traxedia. Como en Valga. Mágoa que esas persoas perderan a vida nunha situación tan dramática e nun sitio tan fermoso para min como son as vías do tren.


Sei que, a pesar da miña devoción polos pasos a nivel, non debería haber tantos como hai. Eu contarei un día máis pormenorizadamente porqué adoro tanto as vías, hoxe simplemente quería, dende aquí recordar a eses tres mortos de Valga. Que descansen en paz.

miércoles, 25 de abril de 2007

Revolución dos caraveis

Grândola, vila morena
Terra da fraternidade,
O povo é quem mais ordena
Dentro de ti, ó cidade.
Dentro de ti, ó cidade

O povo é quem mais ordena,
Terra da fraternidade
Grândola, vila morena.

Em cada esquina um amigo
Em cada rosto igualdade,
Grândola, vila morena
Terra da fraternidade.

À sombra duma azinheira
Que já não sabia a idade
Jurei ter por companheira
Grândola a tua vontade.

Zeca Afonso

Hoxe é festivo en Portugal. Día da Revolución dos Caraveis ou o que é o mesmo a caída da dictadura de Salazar. Lembro que hai un ano, en clase de Portugués na Escola de Idiomas vimos Capitaes de Abril, un filme que me gustou moito. O protagonista, Salgueiro Maia, encandiloume, case me namorei del filmicamente, claro está. E os filmes a veces tamén te fan pensar. Eu comprendín que o exército tamén pode facer cousas boas. E quíxenlle un pouco máis. Tamén me chamou a atención de porque se chamaba Revolución dos Caraveis e averigüei na net. Atopei o seguinte: cando os soldados se dirixían para tirar o goberno lisboeta atopáronse cunha muller, pedíronlle un cigarro e ela díxolle que non tiña pero que como recompensa lles daba flores, caraveis. Así os demais soldados foron copiando ós primeiros e intentaron conseguir caraveis tamén para eles que colocaban na arma ou no uniforme, ben visibles. Unha historia bonita. A min tamén me gustan os caraveis e, agora, os soldados, a verdade é que tería varios motivos para dicilo.

martes, 3 de abril de 2007

Da nada ó paraíso

Hoxe flipei en cores! (que raro queda en galego). E é que nun dos tempos mortos que tiven no traballo estiven navegando por Internet. Estiven na páxina de El País, El Mundo, La Voz de Galicia e despois paseime a Vieiros, Chuza ... e cal foi a miña sorpresa ó descubrir un titular que espero non sexa de todo certo. Aí vai: "Ana María Ríos presentará un magazine na Galega", ¡o que faltaba! ¿pero esta muller onde vai ir parar? Pensei (e penso) que ten que ser unha broma. Pero nun momento como ese decidín que esa nova había que compartila coa redación de "Un día por diante". Así é que lles dixen do meu achado. Produtores, locutores, redactores, técnicos e demais familia do programa quedaron tan abraiados coma min. E non era para menos. Finalmente decidimos que aquilo tería que ser un engano e mentres ninguén nolo desminta seguirémolo pensando, realmente é tamén o que queremos pensa... E que non é o mesmo que Aniña pase a ser colaboradora que presentadora dun magazine. Vale que eu tampouco me sinto preparada pero supoño (e creo) que algo aprendería durante a carreira e que agora que empezo, pasiño a pasiño, no mundo laboral podo ir collendo, cando menos, as nocións básicas.

O caso é, que o achado (do cal me sentín fachendosa por un intre, pois fixen parar a metade da redacción para atender semellante boom mediático) suscitou comentarios acerca da perruqueira moi variados. E houbo outra nova novísima que saiu a relucir. Ana María, ó parecer, fora invitada a participar en "Supervivientes" pero non podía ir porque non sabía nadar. Ata aquí todo medianamente ben, pero a noticia é que agora xa vai participar. Entón unha de dúas:

1. Aniña corre o risco de afogar e ós produtores do programa dálles igual ou

B. (Como diría Aída) fixo un curso rápido e intensivo para aprender.

Pois ambas as dúas opcións foron obxecto de debate no cal eu entrei, por suposto. Púxenme da parte dos que dicían que corría risco de afogar, pero tampouco eu o tiña claro.


O bo destas cousas é que te fan pasar un bo momento, ris, falas, bromeas... a veces, simplemente, para evitar cabrearte. O mundo seguen xirando.