lunes, 31 de marzo de 2008

¡Felicidades mamá!


A verdade é que fai séculos que non actualizo este espazo, distintos motivos me mantiveron afastada del nestes últimos meses, quizais, algún día teña ganas e forzas para contalos, mentres tanto prefiro que queden como parte só de min e outros poucos.


Pero non podía esquecer dedicarlle un oco á persoa máis importante da miña vida: miña nai. Aínda que xa foi o teu cumpreanos hai catro días (27 de marzo) non puiden escribirche isto ata agora.


Mamá:


Canto te quixen sempre... e cantas grazas e bicos mereces... Eres unha nai estupenda, a mellor do mundo, sempre te mantiveches ó noso lado procurando facer todo o que nos satisfacía aínda que a veces tamén había hora de rifas. Sempre me dixeche que non te queixabas dos fillos que tiñas, nin de min nin de meu irmán, que os dous eramos moi bos pero iso si, tamén sempre dixeche que eu era máis "rabuda" "tozuda" e "protestona" que el. Quizais sexa certo o que meu irmán me di: que el me abriu o camiño.


Lémbrome de canto me asustei cando tivemos o accidente de moto, de como baixei berrando estrada a baixo dicindo que te ías morrer porque sangrabas moito, tiña xa daquela inmenso medo a perderte, mamá. Grazas por vir durmir comigo cada madrugada cando papá marchaba a traballar as 4, por sentarte comigo a comer cando viña do instituto para que non estivese soa, por ser sempre tan positiva.


Sempre fuches moi valiente, oxalá eu puidera chegar a ter a metade das forzas que ti. Estiveches anos coidando do avó postrado nunha cadeira por aquel fatídico accidente, coidando con mimo as súas feridas e agora coidas da avoíña co mesmo cariño e enriba intentas que darme forza a min cando vexo que a avoa decae cada día e me poño triste, sobre todo agora que está mes si e mes tamén no hospital. Tanto como ti sofres por ela e aínda así hai unhas semanas cando todos pensamos que non eramos xa capaz de reanimala, ti dábasnos forzas dicindo que non tiña porque pasar nada. Es marabillosa.


E grazas sobre todo, mamá, por apoiarme cando decidín entrar na academia de piloto (aínda que despois non puidera). Sei que fuches ti quen animaches e convenciches a papá de que aquelo era interesante. Sei que ía se difícil economicamente pero só fixo falta que eu dixese quéroo de verdade mamá para que ti me dixeras que xa habería unha solución.


Por todo isto e por máis cousas te lembro con tanto cariño nun día tan especial como o do teu cumpreanos... Este ano non houbo ramo de rosas pero sei que Daniel estivo contigo e ti cando el está no teu cólo eres a avoa-persoa máis feliz do mundo. Mil beixos, mamá.