Fago o que me dá a gana... Isto é o que debe pensar cando se deita o alcalde de Xinzo. Agora veño de enterarme que están facendo a toda présa o conservatorio da vila. Moi ben, si, se non fora polo sitio onde o constrúen. Hai poucos anos que gastaron millóns e millóns para reformar a Casa do Concello e a Praza Carlos Casares, e agora tiran un cacho para poder aproveitar espazo e facer o Conservatorio da discordia. Unha perda de cartos, as cousas hai que pensalas con ideas de futuro... E para máis INRI, o lugar no que teñen previsto construír o edificio foi recalificado para poder darlle ese uso sen importarlle as peticións dos veciños colindantes. De edificarse aí os habitantes dos inmobles da rúa Marcelo Macías quedarán enclaustrados (pisos con terraza que será un pozo rodeado de paredes). Perfecto señor alcalde: ¿acaso Xinzo non ten outros terreos para facer o Conservatorio? ¿porque non fai aí un parque (como piden os veciños) que Xinzo non ten moitas zonas verdes? ou ¿interesa máis o conservatorio para facer o parking, privado (e seguro que caro) e sacarlle rendemento?. Ai, ai, ai.... ¡que máis ten o que digan os veciños, iso é pecata minuta! Tirar e volver construír, como se sobraran os cartos... E outra cousa, Sr. Alcalde, vostede non explote Xinzo turisticamente (que xa lle sobran as atraccións), nin tente conservar o patrimonio, volva facer que enterren os restos romanos que están aparecendo no casco vello (como xa pasou outros anos), ¿para que os queremos se podemos construír enriba? ¿para que darlle unha solución ó dono do solar e facelo entrar en razón? ¿por qué non pasar de Patrimonio?, total... son catro pedras...

1 comentario:
ESA CADENA EN EL ESCUDO DE XINZO, TIENE ALGO QUE VER CON LAS CADENAS DE NAVARRA???
Publicar un comentario