
Hoxe, aínda que feliz, estou pensativa, filosófica, reflexionando sobre cousas da vida, sobre "cousas que contar" da vida. En escasos cinco minutos voltei a ollada atrás e percorrín varias etapas da miña existencia, varias etapas xunguidas por un fío: a amizade.
Sempre me preguntei se os amigos son para toda a vida. Nun comezo cría que non, que eran efémeros, que ían como se viñan, como as pombas ou os cucos no mes de abril. Despois, entrada eu na adolescencia cheguei á conclusión de que si, de que eran para toda a vida. E hoxe en día penso unha mestura de ámbalas dúas cousas: uns son para toda a vida e outros pérdelos cando aínda non os rematache de coñecer. Quizais eles mesmos se botan a perder.
Eu tiven moitos amigos durante os anos da miña vida, algúns seguen sendo da infancia, outros non superaron a "crise" dos tres ou catro anos, pero é así. A veces vanse por onde veñen e como viñeron, silenciosos (ou ruidosos) sen que ti poidas evitalo, e neste caso é mellor deixalos ir, que busquen outro brazo en que chorar, outra boca coa que compartir sorrisos, outra orella á que contar segredos... é mellor, sobre todo cando ti non tes a culpa de nada, cando non tes a culpa dunha fuxida.
A verdade é que noutrora, se perdera un amigo, quizais me viñera abaixo, agora mesmo sigo sendo feliz, doutro xeito, pero penso que se un amigo marcha e non quere voltar é por algo e ademais sempre pode volver, retroceder e senón seguro que marcha para deixarlle sitio a outro ou outra cousa. Agora só lembro as cousas bonitas e felices que me aconteceron con eses amigos "fuxitivos", porque eses momentos hai que disfrutalos pase o tempo que pase, iso si, sen vivir deles pero hai que mantelos vivos. E a veces vólvese ó punto de partida, por iso nunca é tarde para atopar "de novo" ese vello amigo.

No hay comentarios:
Publicar un comentario