
Por sorte, a veces, vexo La2 e os seus correspondentes documentais. Mágoa que non escriba aquí máis a miúdo sobre eles. Onte mesmo botaron un no programa Crónicas que me fascinou. Titulábase algo así como "A memoria de Ainielle" e ata me fixo chorar. Ainielle foi e xa non é. Foi unha aldea da montaña do Pirineo aragonés e agora tan só permanece na lembraza dos que a habitaron ou daqueles que visitan o lugar. Ignoro de onde sacaron a información porque eu, a non ser por este documental nunca sabería da existencia de Ainielle.
Pero onte revivín nunha hora, máis ou menos, os contos de meu avó, do que me lembrei tamén e lle desexei sorte alá onde agora estea. Lembrei cando me sentaba nas pernas e me contaba historias ó redor da lareira, igual que o facían os veciños de Ainielle que se reunía unidos polo calor do lume. O avó contábame historias e cantábame cancións e, a veces, cando tiña ganas e tempo, asábame no lume patacas cocidas que gustaban a cariño e as cales nunca volvín comer dende que el non está. Era o avó que desapareceu como este lugar e queda na memoria de quen o quixo moito.
A verdade é que me deu moita mágoa ver Ainielle tan abandonado a súa sorte, nun mundo fero de neve e vento nunha montaña moi próxima a Biescas onde tamén a traxedia do seu camping segue moi presente. Quizais "os mortos daquel verán" visitaran ou coñecían o lugar. Eu tamén quero coñecelo. Será un punto máis a indicar na axenda de viaxes, ou de desexos de viaxe porque hai tantos que non sei se poderei velos todos...

No hay comentarios:
Publicar un comentario